|

 
SOBRE A PEZA.......
Vai vostede ver unha reflexión sobre o dogmatismo, sobre o
adoutrinamento e a imposición... Aló onde foi representada,
esta comedia negra provocou risos, aplausos e polémica. Moitos
resgaron as súas vestiduras. .. Dende o máis profundo respecto
a tódalas ideas, ofrecemos esta versión motivados pola firme
crenza de que, na función que nos toca representar a cotío,
tódolos personaxes son admisibles, agás aqueles que nos
queiran obrigar a representar un papel que non sexa o noso.
Reflexións
sobre A Irmá Mª Ignacia Explícavolo Todo: unha peza que a
conferencia episcopal nunca referendaría...
O público dun
grupo afeccionado soe estar composto polos amigos e achegados
que constitúen os fans ós que, con frecuencia, dedicamos o
esforzo de meses. Pouco a pouco, nembargante, o grupo vai
saíndo a outras prazas, enfrontándose a un respectable máis
neutral e, polo tanto, temible.
Estou certo que ante o traballo de A Irmá María Ignacia "Nova
Escena" ten medo ós uns e os outros...
¿Por qué? Tememos que digan- ¿Por qué un grupo afeito a
traballar comedia branca, elixe unha peza tan controvertida?
Arrepíanos escandalizar, facer fuxir a un sector importante do
noso público potencial.
Como
director eu asumo toda responsabilidade. É este precisamente o
obxecto destas liñas: exonerar ós meus compañeiros de calquera
tipo de culpa. Se alguén ofende, se alguén escandaliza, se
alguén peca, son eu...
Anque esa non é a miña intención.
Parto da base de que o teatro sempre ten que dicir algo.
Calquera espectáculo, para valer algo, ten que ofrecer a
posibilidade de ser o punto de partida dunha reflexión activa
do público. En maior ou menor medida, Nova Escena sempre
respectou este principio: ata na inofensiva "Borralliña"
alguén podía ver algo transgresor na estraña composición da
familia de Cintolo, Madrepérola e Azul (¿ninguén mirou alén do
conto?).
Como director gusto de xogar cos tabús: o sexo, a relixión, a
política... e desta volta tocoulle á relixión.
Quero
clarexar que con "A Irmá Mª Ignacia Explícavolo Todo" non
quero criticar ó catolicismo en si. Respecto profundamente á
xente que quere vivir de acordo a unhas crenzas e son
consecuentes consigo mesmos, independentemente da confesión
que profesen. Pero María Ignacia non fala do catolicismo. Fala
do absurdo da imposición dun dogma, de calquera dogma. Fala do
adoutrinamento, dese proceso a traveso do cal os adultos, con
frecuencia tentan "meter a presión" unha crenza na mente
infantil. Isto é o criticable, o punto de reflexión que
pretendo subliñar.
¿E por qué unha monxa
católica?. Porque se escolléramos un pastor protestante ou un
imán musulmán, ou un político de calquera especie, estaríamos
a botar "balóns fora" a dicir que os que adoutrinan son "os
outros". A nosa cultura é católica, e debemos reflexionar
sobre os nosos vicios, non so os dos demais.
Falando como faría a
nosa monxa: ¿Hai adoutrinamento noutros países?: Si. ¿Haino na
nosa?: Por suposto (se hai dúbidas prendede a tele e mirade os
informativos).
Non
criticamos a crenza, senón a actitude. E é fundamental que
todo o equipo de actores e técnicos o teñamos claro. Se non é
así, estaremos inseguros do noso traballo e fracasaremos no
noso intento. Penso que debemos afrontar ese medo á
reacción do público co orgullo de tentar de comunicar unha
mensaxe de tolerancia; sabendo que en ningún caso queremos
ofender a ninguén, senón inducir un exercicio de autocrítica a
traveso do que o público se divirta, se conmova e reviva o
proceso de reflexión que vos levou a aceptar esta nova toleada
do voso director.
Gracias a
todos pola vosa confianza. Gracias especiais a quen, non vendo
clara a adecuación da peza, pon todo de si para que saia
adiante.
Xoán C. Laxe
|